|
“ EL TIEMPO. Habíamos interiorizado sus prisas, sus ritmos, su velocidad. BASTA. Vamos despacio porque vamos lejos. Vamos despacio porque queremos ir tod@s junt@s. Vamos despacio porque queremos hacerlo bien. Vamos despacio porque el camino es igual de importante que el resultado”
12 de Xuño, a acampada de Madrid non remata; desterritorialízase, desprázase, reinvéntase a si mesma e busca, como dende o inicio, novos nomes. Nas semanas precedentes o que comezara como un chamamento nas redes sociais de internet, tomou corpo e produciu nesa praza, e en tantas outras de xeitos cada vez distintos, un lugar para palabras e para encontros inanticipábeis. Fronte á representación, fronte á política da metáfora, búscase o espazo metonímico, producindo un campo heteroxéneo e múltiple, pero que se expande de xeito inclusivo e que é, cada vez, produción de orde. Unha orde inesperada, quizais fráxil, como calquera, que emerxe e constitúe un plano de inmanencia subsistindo por un desexo (do) común: do espazo da rede á organización en rede para reclamar os lugares e recrearse no común. Para iso non fixo falta un nome, senón máis ben desfacer certos significantes para logo refacelos. 15 M é unha data, o “aquí e agora” do encontro. Un selo que reúne nun lugar e un tempo, sen impoñelos, o trazo dunha deriva.
De “Democracia real ya” ao movemento 15M hai unha desapropiación e unha reapropiación que altera palabras e acentos. “Democracia”-ese significante baleiro, emblema da política contemporánea e campo de loitas hexemónicas- non era quizais o lugar para dar nome ao común. Sen criticalo expresamente e sen deixalo de lado, acadouse a redefinir un espazo máis aló do modelo representativo que lexitima os modos de goberno actuais para a participación inclusiva de todos, e de todas. “Le llaman democracia y no lo es”, “Que no, que no, que no nos representan” non son precisamente novidades nas proclamas; pero nunca tiveron unha forza performativa tal que agora na constitución dunha acción colectiva radicalmente política.
O grao de organización acadado mostra que por enriba dos supostos fins están os “medios”, se esa distinción foi nalgún momento válida. A urxencia política non é a imposición da efectividade e a aceleración dos tempo da decisión, a insistencia da Madrid no consenso o revela. As decisións tómanse de xeito máis lento; pero tórnanse nun proceso de inclusión das diferenzas, atento á necesidade de deixar abertas as propostas para construílas entre todas. Isto é de seu un acontecemento. O consenso neste caso funciona incluíndo a diferenza, impoñendo fronte ao númerico como procedemento decisorio, que repousa nunha violenta abstracción, un procedemento non cuantitativo que abre un espazo ao outro. Quizais quedaría por ver que podería ser unha política fóra da razón comunicativa e do ideal do consenso, outro artellamento das diferenzas e incluso de proliferación radical de contidos e estratexias que talvez estea por vir; pero a vontade de consenso neste caso é unha vontade de inclusión baseada nun principio de respecto á heteroxeneidade. É unha afirmación de que a acción política non é de receitas; senón un espazo aberto para as palabras, no que a reafirmación do común é a recreación de subxectividades outras.
Se alguén esperaba un programa, terá que revisarse a si mesmo. Houbo propostas e inda haberá máis, houbo xeitos de estar e de facer, houbo o sostemento dos lugares e a reunión dos corpos. O tempo da política non é o tempo da actualidade. A acción faise coa urxencia, pero a urxencia non é a présa. Hai que empezar por tomar o tempo.
Aquí e agora un desexo que escapa aos nomes se reinicia.
|
Baixo este título, pódese atopar nu...
magnífico
Bueno, bueno.... dándome só en part...
Deste artigo en DERRITAXES gustoume, ...
LO que es fascismo es que una panda d...