(O) Desexo (do) común PDF Print E-mail
Written by Sören Hauser   
Saturday, 21 May 2011 01:21

pdf en castelán

Proxecto Derriba

Estamos a vivir tempos convulsos no capitalismo, no Oriente, no Occidente, na Europa, no Estado español, na Galiza. A convulsión é froito de moitas continxencias –como todo acontecemento–, de moitas realidades vividas ao tempo, pero tamén dun certo malestar, dunha indignación, dun desexo (do) común, a saber, a esixencia de democracia, dunha democracia real, dunha democracia absoluta, na que se poña de manifesto o que xa é unha realidade noutros ámbitos xerais: a cooperación e os procesos colectivos son os encargados de manter a produción da que se beneficia o capital, e é esa realidade a que pon nas nosas mans a esixencia de actuar conforme ao noso desexo.

Hoxe en día, no chamado Occidente, coa xeneralización de ferramentas de información nas que a cooperación e a comunicación tórnanse esferas vitais –como internet, as redes sociais, etc.–, a nosa actividade produtiva –sexa laboral, precaria, formativa ou desempregada– é o resultado dun proceso colectivo que non se pode medir en unidades individuais. É dicir, prodúcese maioritariamente empregando estas ferramentas. E no tocante ao traballo asalariado, xa non é o individuo senón unha capacidade de traballo socialmente combinada a que se converte no axente real do proceso laboral no seu conxunto, pois unha grande maioría emprega mecanismos de información, culturais, intelectuais, etc. que están á súa disposición grazas a que foron feitos en común, e o uso destas ferramentas fai que un xa non sexa responsábel individual e único do seu traballo. É o chamado General Intellect, ou intelixencia colectiva, unha especie de patrimonio de coñecemento común a(o)s traballadorxs que se realiza desde redes de comunicación e cooperación alternativas. A actividade produtiva, en grande medida non responde aos esforzos dun individuo, senón que é un proceso que necesariamente ten que se realizar en cooperación, en común, en colectividade, pois agora boa parte do traballo xa só subsiste socialmente, é dicir, o traballador asalariado xa non subsiste individualmente senón en cooperación, é inseparábel da creación colectiva. É a combinación da actividade social a que se presenta como produtora fundamental. A actividade é tamén abstracta, inmaterial, intelectual, científica, e produce bens inmateriais como o coñecemento, a información, a comunicación, unha relación ou unha resposta emocional, etc. Se a xornada laboral, por outra banda, sigue en aumento –xubilación máis tardía e menos garantida–, os responsábeis da produción –traballadorxs asalariadxs, desempregadxs, precarixs, bolseirxs, traballadorxs a tempo parcial, etc.– estanno a facer con traballos non ( o suficientemente) remunerados economicamente –e algúns deles producen intelectual, científica ou afectivamente a todas horas–.

 

Polo outro lado hoxe, en Occidente, a nivel xeral, existen outra serie de trazos relevantes para o que nos ocupa, como por exemplo o desenvolvemento experimentado polos fluxos de carácter especulativo, que representan sesenta veces máis operacións que as que corresponden a transaccións materiais; a concentración dos capitais, xa que as fusións se multiplicaron por sete nos dous últimos decenios do s. XX, e hoxe están no seu punto álxido; a deslocalización de milleiros de empresas ao se mudaren, totalmente ou só en parte, a outros países para obteren vantaxes fiscais, man de obra barata ou para se aproveitaren de determinadas leis inaceptábeis para os seus países de orixe, o que leva consigo un extraordinario aumento do desemprego neses países; a desregulación que, mentres avanzaban as privatizacións, provocaban que desaparecesen controis e trabas para os capitais, etc.

Hoxe a norma e a lei é a privatización, ir á pescuda e captura do común. A situación económica actual en Occidente é causa dunha serie de organismos internacionais non-democráticos (FMI, BM, OMC, BCE) e dos acordos que estes fixeron cos principais bancos, impulsores á súa vez do roubo e saqueo das arcas públicas lanzadas ao seu rescate, mentres ao tempo –e paradoxicamente– seguen engordando os seus beneficios e o número dos seus despedimentos.

Do mesmo xeito, o Estado-nación vai deixando o seu lugar preferente ao mercado mundial, que substitúe as súas institucións fundamentais por estoutras que asumen as súas competencias –e que escapan a todo control democrático–. De feito, os gobernos xa non teñen practicamente máis función que asegurar a orde interna, dispor os corpos e forzas de seguridade para que a máquina capitalista mundial siga o seu camiño sen trabas de ningún tipo. As verdadeiras decisións tómanse agora nos mercados financeiros, nas xuntas directivas das grandes multinacionais, nas reunións empresariais transnacionais. As decisións políticas xogan a favor dos mercados mundiais mentres se segue instalando nas conciencias a necesidade do crecemento (macro)económico, sen ter en conta as nefastas consecuencias directas que hoxe estamos a vivir máis que nunca: aumento das desigualdades, desaparición dos bens comúns, aumento do desemprego, desaparición do Estado de benestar, eliminación de dereitos sociais básicos, destrución ecolóxica, etc., sen pensar que talvez unha (das) solución(s) intelixente(s) pasaría máis ben polo camiño oposto, o do decrecemento.

As privatizacións provocadas polas clases gobernantes, lonxe de desaparecer, semella que seguirán en aumento. Hai ben pouco escoitabamos ao primeiro ministro holandés dicirlle aos gregos «que vendan todo o que podan» para saír da crise. Tal é a postura da UE.

A explotación, xa que logo, refírese á expropiación do común por parte dos grandes xerifaltes económicos e o mercado a quen representan, e por iso as patentes e os dereitos de autor –alén das privatizacións, deslocalizacións, fluxos especulativos, etc.– son obstáculos no camiño da recuperación do espazo común, un camiño que pasa por dinamitar o vampirismo das grandes compañías con respecto á plusvalía das obras culturais, ás que tratan como unha mercadoría máis. A explotación é, pois, a apropiación privada dun valor producido en común. E, por tanto, a xustificación xurídica da propiedade privada vese abolida pola natureza común e social da produción. O único que pode seguir lexitimando este concepto é a violencia.

Se isto non estoupou antes, ao estilo das revoltas do Magreb, sen dúbida foi porque os niveis de malestar quizais non chegaron aínda ao deses países, e así mesmo polo apoio que as redes familiares prestan aquí aos desempregadxs, precarixs e traballadorxs a tempo parcial. Mais, aínda con este apoio, séguese decrecendo, segue a baixar o consumo que sostén ao mercado capitalista, un capitalismo que produce o consumo mesmo, que é o artífice da súa propia lexitimidade.

Pola súa banda, os medios de comunicación reproducen a orde estabelecida e, con ela, tentan taponar os nosos desexos e ordenar as nosas preferencias baseándose nunha estrutura xerárquica e vertical que reproduce á súa vez a explotación do capital. Deste xeito, a comunicación e a reprodución vense clara e definitivamente inseridas na lóxica do biopoder, do control da vida que produce continuamente novas subxectividades mentres, no proceso, se autolexitima.

É deste xeito como o capitalismo funciona, como un cadeado, como un ferrollo, o que leva a constatar que vivimos aprisionados mentalmente. Pero unha das repercusións que leva consigo, como estamos a ver, é a irrupción de desexos –(in)conscientes ou distorsionados– que procuran resistir á mercantilización da vida.

 

O comunismo non é máis que a creación de condicións para subverter a situación actual poñendo o til sobre o común.



As accións comúns, ademais, configuran un desexo:

Ese desexo chámase democracia absoluta.



Este desexo é procurar o común que nos une sen unificarnos, mantendo a nosa singularidade e independencia, pero sen por iso deixar de traballar polo común, por aquilo que nos une: o desexo da democracia. E, de novo, ese desexo (o común) non é algo por descubrir, é algo por producir, por crear.

Os nosos desexos son os que produciron as normas do noso ordenamento social, por tanto son o suxeito desta produción. Porén, a súa potencia non se integra no obxecto producido senón que, como fonte, permanece estraña. Así, os nosos desexos non se reduciron ás leis, nin ás normas, nin á constitución que regulamenta os Estados, nin á orde xurídica das sociedades. Non obstante, é en función do desexo que estes existen.

De considerármolo así, os nosos desexos son os que poden dar lugar a unha revolución expansiva e ilimitada no tempo e o espazo. Mais o capitalismo do que trata é de taponar esta produción de desexos, aforcándoos na máxima do goce, do gozar a todas horas, representado excepcionalmente polo consumo, coma se ese goce puidérase encher ou ser satisfeito polos obxectos consumíbeis. É deste modo, tamén, como o desexo –que debería lexitimar todo proceso xurídico, político ou económico– fica atrapado no propio sistema que xerou: o da representación política, o sistema que só permite escoller a tal ou cal representante político esquecendo con esa acción de onde ven o seu poder. Porén, a democracia absoluta ten que ser aquilo que se constitúa sobre a potencia dos desexos.

O desexo da democracia absoluta é unha forza que irrompe, quebranta todo equilibrio preexistente. O que significa que tanto revolución como democracia se autoimplican. Ou dito doutro xeito, é o desexo o que fai cristalizar en torno de si o concepto de revolución democrática.

Isto só ten sentido como unha praxe continua, e será unha vía de escape á opresión do mal chamado goberno democrático e dos organismos –non democráticos– dos que el depende. Por tanto isto tamén remite á resistencia e á cooperación e será, por tanto, incesante apertura de novas posibilidades das que nos teremos que facer cargo en común.

Os partidos políticos, pola súa banda, preguntábanse todo o tempo: Cando virá? Baixo que forma? De onde virá a nova irrupción de desexo? E o facían temerosos, sabendo que o seu sistema non pode resistir ningunha manifestación real de desexo, sabendo que o desexo é revolucionario.

Así mesmo, o importante é saber que a representación política non resolve os problemas, e que o proceso que se está a iniciar non se vai a resolver en sete días. O importante non vai ser o día das eleccións, senón o que sexamos capaces de inventar de aquí en adiante.

O acontecemento que temos á vista é quen de facer unha apertura das nosas posibilidades, de cambiar o noso modo de pensar, de organizarse e de crear xustiza. Quen chega ao acontecemento coas súas ideas pechadas, fracasa e non consigue cabalgar na potencia do mesmo. Hai que manterse na apertura que poda acoller unha novidade radical que chegue coa xustiza. A xustiza é facer acontecemento, saír do programa estabelecido que o sistema ten para nós, ir alén do futuro que nos teñen programado; a xustiza é facer chegar un porvir, un porvir que irrompa violentamente, que sexa incontrolábel.

O acontecemento non se pode explicar simplemente polos estados de cousas que o suscitan. Álzase por un instante, o momento que marca a oportunidade que hai que aproveitar. E ese instante sucede aquí e agora.



 

 

Comments
Add New Search RSS
¿Tendremos que usar la violencia para transformar
Luis María Cifuentes 23-05-2011

Estoy de acuerdo en que el deseo de una democracia absoluta es revolucionario. También me parece
acertado el diagnóstico que se hace del poder económico global que lo impregna todo: lo nacional,
lo local y lo individual. EN lo que discrepo es en que el deseo irracional e incontrolable puda
traer la justicia. Para mí sigue siendo un enigma sin resolver el tema del uso de la violencia para
cambiar este orden injusto actual. He leído a Norberto Bobbio y a otros autores lo que dicen sobre
el tema y no hay una solución clara. EL estudio de las revoluciones violentas del pasado no permite
afirmar que la violencia engendra justicia. Yo soy más partidario de la resistencia no violenta y
de que mediante acciones pacíficas bien pensadas se obligue al poder económico y político a
mostrar su rostro represivo y violento. Eso es lo que hicieron Luther King y Gandhi, dos de mis
activistas preferidos del siglo XX; pero aún así, soy escéptico al pensar que sin episodios de
violencia no se puede lograr eliminar los privilegios de la alianza de todos los poderes
(económico, político, mediático y religioso).
En cuanto al análisis de las redes telemáticas y
de la necesidad de la cooperación horizontal estoy totalmente de acuerdo, pero hace falta ir
creando nuevos espacios de diálogo y de consenso entre todas las comunidades. EL deseo debe ir
aocmpañado de reflexión siempre.
Un saludo cordial
RE:
Sören Hauser 24-05-2011

Olá Luis,
o texto asume que a violencia é aquilo que lexitima a orde que temos estabelecida, que
é violenta de por si alén da nosa reacción ao respecto.
Así mesmo, a liberación do desexo non
é boa per se -de feito, pode ser mesmo reaccionaria-, pero pode traer efectos nunha situación de
parálise ou pechazón como a que hoxe estamos a vivir. Agradecido polas túas interesantes
reflexións. Un saúdo.
da indignación á alegría
tx. miñorano 23-05-2011

aupa Ab.!

excelente diagnose!

permitídeme engadir que a "indignación" dos acampados,
que outros acusan de non ter propostas (pero e que se supón, que deben repetir cansinamente o que
todo o mundo xa sabe, para que os voceiros mediáticos xoguen cos argumentos e os manipulen?
tertulianos, periodistas e políticos son precisamente algúns dos que están a ser xulgados pola
Democracia Real Xa!, e deberían coidarse moito de non darse por aludidos perante esas críticas...
en todo caso, éche así moito millor, non lle faremos o xogo ao discurso do biopoder, e sí,
permaneceremos sen propostas...), a indignación, dicía, tórnase nesas plazas, e coido que por
algo que ten que ver co desexo do que falas, nunha festa onde reina a alegría. Estraña forma de
darse,precisamente,a celebración (e/ou) crítica da democracia.

saudiños
RE:
Sören Hauser 24-05-2011

Olá Txito,
agradecido por ler o texto.
Saúde e alegría :-)
BIO-LENCIA
man_hauser ii 24-05-2011

Eu estou a favor da VIOLENCIA NON-ARMADA. Unha violencia mental, metafísica, de pensamento, de
discernimento, de crítica en sentido clínico, como colapso e punto insostíbel dunha situación.
Nesa situación de desbordamento, a capacidade de definición, a decisión-inclinación do sentido
(ou o sentido como decisión-inclinación) resulta violenta. Sobre todo, cando hai unha resposta
como a das eleccións: claramente, un sector da poboación posicionouse en contra dun SENTIR
cívico. Sen dar argumentos, á calada, con nocturnidade e alevosía, el@s si que foron MUDOS. A
violencia de pensamento a defende Nietzsche, en certa maneira, Deleuze, Artaud, Tiqqun, está en
Heidegger. Pero ao final, pode ser tan pouco física, que pase efectivamente como un SILENCIO nos
corpos.

Respecto á concepción do DESEXO; non sempre o desexo é verdadeiro (p.e. en
Deleuze-Guattari); o desexo moitas veces é captura, apropiado, funciona en según qué máquinas.
É incluso (micro)fascista. O único índice de discernimento é ver en qué máquinas funciona e
qué mecanismos activa. Se forma parte da máquina Estado, máquina Capital, ou máquina Nómade.
Qué potencialidade de crear fluxos, com combinacións transversais, bloques de re-sistencia,
convivencia, temporalmente autónomos.

O resultado das eleccións é tomado por Rajoy & PP dun
modo claramente territorial. O seu discurso e a súa concepción da política é claramente
TERRITORIAL e case que feudal. Falan de conquistas, contabilizan por municipios e provincias, todo
elo centralizado finalmente no Estado que agardan conseguir proximamente. Se acaso é este un novo
REPLIEGUE do Capitalismo; unha nova incorporación da máquina territorial feudal casualmente na
península ibérica, tan castiza... (Por suposto, que por detrás seguirá medrando a deuda, a
plusvalía do capital, a hinchazón do sistema, a especulación económica sen fin,
devoradora).

Fronte a isto, como sería unha máquina nómade? como combinaría os fluxos e
redistribuiría os valores?........
sfsf 04-06-2011

LO que es fascismo es que una panda de niñatos que no representan a nadie hablen de violencia
porque no aceptan que la gran mayoría vota como vota. Vuestro discurso lo puede comprar la falange:
violencia para imponer un colectivismo. ¿Que vais a hacer comn los 15 millones de votantes del PP y
del PSOE, si no teneis armas para someterlos o para nacionalizar ese 90% de empresas que son
pymes?

Y desde cuando es una novedad que uj partidpo politico hable en términos territoriales, si
eso lo viene haciendo sobre todo la izquierda desde hace mucho? menuda pedantada.
man2hauser 07-06-2011

Bueno, bueno.... dándome só en parte por aludido, aclaro que:
1/ efectivamente non representamos a
ninguén; nin sequera nos representamos entre nós, no sentido que o meu comentario non ten por qué
ser firmado polo autor do texto, nin viceversa. De feito o que está en cuestión en todo este
debate e situación e problemática política no 15-M é a cuestión da representación; por se non
se deu conta.
2/ respeito ao de "niñatos"... pois é o que che hai: non fomos nós os que
ofreceron a universidade e a continua formación como mecanismo do sistema. Nós medramos nesa
situación; e dentro dela, tratamos de pensar; que se cadra é o máis (in)ofensivo que se pode
facer; e non lle estamos a pedir nada a ninguén por elo.
3/ a esquerda, en gran medida tendeu ao
internacionalismo, aos valores transversais e sociais. O capitalismo só se internacionalizou a
través das grandes fábricas e produción transnacional, explotando á xente e o planeta; agora que
se esgotan os recursos, se repliega a dereita renovando a idea de nación, dominio territorial, etc.
Pero é que ainda así, tampouco me estou referindo á esquerda.
4/ as nosas armas son o pensamento,
o afecto, a auto-organización e o discernimento. Tamén a democracia, a tecnoloxía, a ecoloxía
son armas. Dende logo, non o son a corrupción nin a imposición dunha dinámica produtiva suicida,
patriarcal, antiecolóxica, que crea ansiedade, estrés, mutila ao ser humano en tantas
dimensións....
Write comment
Name:
Email:
 
Title:
Please input the anti-spam code that you can read in the image.

3.26 Copyright (C) 2008 Compojoom.com / Copyright (C) 2007 Alain Georgette / Copyright (C) 2006 Frantisek Hliva. All rights reserved."

 

Últimos Comentarios

Monografías

Materiais e ferramentas Procomún.
Banner

Escrita(s)

Destacamos

@proxectoderriba



Creative Commons License