Unha lectura de "Ecce Comu" PDF Print E-mail
Derriba de Textos - Artigos
Sunday, 28 February 2010 02:39

 

Thomas Hauser

Vattimo. De volta á esquerda.

Partindo do xiro comunista da filosofía política de Vattimo, tendo en conta as súas consideracións e propostas, pódese dicir que Vattimo ao final cae en formular unha proposta de tipo forte baseada, dalgún xeito, nunha noción indirecta de dereitos humanos ou de principios morais abstractos como “igualdade” e “xustiza social” sobre os que asente, en definitiva, como fundamentos unha proposta aceptábel de organización social precisamente, entón máis xusta e igualitaria?

Observamos, efectivamente, en Ecce comu1 un intento por subverter ao sistema capitalista, por desenmascarar a inaceptabilidade da sociedade de mercado, por advertir da complicidade da esquerda socialdemócrata no estado actual de cousas. Un xiro á esquerda non só é necesario senón que é lexítimo mantendo, aínda, unha posición feble tanto do ser como do pensamento e da racionalidade, e tamén unha ética da interpretación baseada nunha consideración débil, así mesmo, do ser humano. É dicir, pódese recibir (unh)a (certa) herdanza de Marx, ao que se considera cargado de “boas razóns” para, téndoo moi en conta, artellar a posibilidade dunha crítica ao capitalismo, resistente a aceptabilidade integradora coa que soe absorber todo intento de deslexitimación do sistema, que sustente unha efectiva posta en práctica de carácter subversivo que mude o presente orde de cousas, e todo elo respectando, porque precisamente tal posibilidade está na súa base, os elementos máis recoñecíbeis do pensamento débil.

O naturalismo e o capitalismo.

Se hai unha natureza existe a posibilidade de artellar unha orde determinada que responda a ela. Se o ser humano é algo concreto, definíbel e obxectivábel hai un modo predeterminado e comportarse. A falacia naturalista: un determinado ser implica un determinado deber ser. Existe posibilidade de dominio, disciplinamento, autoridade. Se o noso nacemento determina o noso ser dáse a posibilidade de nacer desigual. O desenvolvemento das relacións sociais reproducirían simplemente tal orixinario desequilibrio. Existe unha orde de cousas Natural. Contéstase: o ser humano faise, o ser humano é un ser constituído socialmente a partires dos procesos de endoculturación e socialización. Non é nada determinado, senón que, máis ben, a súa natureza é cultural. A cultura creouna o humano. O humano é creado pola cultura. Vinculación implícita necesaria. Non hai escapatoria de tal nexo. Somos así, xeneralizando, porque internalizamos a información cultural por complexos, lentos, longos e progresivos procesos de aprendizaxe. Iso, unido as experiencias particulares de cada un, que modelan e permiten a aparición de certos gustos, preferencias e intereses individualizados, o esforzo persoal, as habilidades e potencialidades adquiridas xeneticamente, o contexto familiar, tanto a nivel social como económico, a lingua, ou linguas, que se manexan, e variábeis decisións ocasionais, ben dun mesmo ou doutros dos que se depende, determina a nosa constitución e conformación como individuos. É dicir, imos tomando forma, imos constituíndo a nosa natureza, o noso corpo. Valga o exemplo do órgano máis importante daquelo que somos, o cerebro. Este continuamente vai mudando nun proceso descontinuo2. Vai moldeándose nun proceso progresivo ata que se morre. A flexibilidade, a plasticidade, son trazos connaturais ao cerebro humano. É natural ser variábel. O cerebro muda, resumidamente, por experiencias e información adquiridas, todas elas de carácter cultural. A cultura fai mudar o humano. O humano trastoca á cultura. O ser humano é eminentemente cultural. Non é natureza definíbel e delimitábel. É cultura aberta e múltiple. Polo tanto non nacemos desiguais, “a dereita é a máxima expresión do naturalismo; nacemos desiguais e está ben que aproveitemos as desigualdades naturais para fomentar a competencia e o desenvolvemento, en definitiva o mercado. Non queremos unha sociedade “de natureza”, senón de cultura; debemos de conquistar a igualdade. Sen violencia, claro, ata onde elo sexa posíbel.”3

Anti-ideoloxismo?

Non se pode confundir a procura da emancipación de calquera autoridade auto-lexitimada que se considere o corpo definitivo de carácter doutrinal explicativo do orde existente de cousas, ca mera aceptabilidade de que calquera relato é valido, ocultando un interese concreto a defender.

Reivindicación da relevancia da análise marxista. Do acerto das súas previsións sobre a deriva proletarizadora da sociedade capitalista e das súas consecuencias: desigualdade, desequilibrio, control e disciplinamento. A democracia neoliberal fracasou ata no seu intento liberalizador. Cada vez a sociedade civil está máis controlada, nos seus modos de pensar, de valorar, de comportarse. Dominio febril sobre toda esfera da vida, tamén foi un exceso e o principal erro do comunismo real. Por elo non incorrer nos erros pasados. Non desviacións autoritarias, non existencia dunha verdade obxectiva implícita no comunismo para evitar o dominio do partido, composto por burócratas que definan o “proletariado auténtico” fronte ao “empírico”. “Un proxecto de emancipación humana só pode fundarse na procura da igualdade e dunha cultura política que corrixa as desigualdades “naturais””4. “Debilitamento como fío condutor emancipador na historia do ser. Occidente como terra do Ocaso das leis naturais, (…) disolución de todo absoluto (…) eliminación de todo residuo cientifista que posibilitara os aspectos autoritarios do socialismo real. O que necesitamos é un Marx debilitado”.5

Subversivismo? (subversivismo democrático)

Presión popular, participación, implicación. Contra esclerotización, inmobilismo, influencia de medios de masas. Revolución continua contra manipulación.

Revolución no contexto actual: tendencia aos cambios, acción transformadora e eficaz orientada á problematicidade cotiá mesma, mais, ao mesmo tempo, ser capaces de discutir, criticar e subverter, incluso, a propia consideración teórica da política.

Como mobilizar a participación cidadá na escena política? Como enmarcar e traducir a accións políticas, efectivas e eficaces, movementos as veces puramente emotivos e só puntuais?

Esquerda como revolución. Comunismo como apertura vangardista ao cambio. Non mera reforma; renovación radical. (a apelación ao reformismo sostense dende posturas que se achegan dende postulados ilustrados a unha posición moderada que agocha, ao profundar, un medo a perder o que se ten). Política de reformas é política hipócrita. Procura da descontinuidade, do punto de ruptura.

Dominio: control sobre medios de comunicación (publicidade), derruír a escola pública.

Cuestións: “como se poden aumentar os gastos na formación e ensino: escola, universidade, investigación, se todos os vínculos dun estado, xa sexan europeos (pacto de Maastricht) ou de competencia internacional (as “leis” do mercado) o obrigan a unha política de redución do gasto público e de calquera tipo de benestar?”6 Por que o gasto militar? Que interese tralas guerras? A guerra é a paz? Parece que non se poden esperar moitos cambios na política.

O cidadán ante a política: resignación pasiva e escepticismo. Política e espectáculo. Política sometida a partitocracia. Democracia protexida e pechada. Democracia como réxime. Non dicilo é facerse cómplice del. Degradación moral absoluta baseada no cinismo. Política de márquetin. A única moral, ao máximo, despréndese de respectar as leis propias do sistema: “a democracia actual é un asunto de dispoñibilidade financeira”7.

Pero hai alternativa ao capitalismo? Existe outra posibilidade que a globalización? Pódese derrubar ou hai que seguir a lóxica capitalista?: consumilo. É dicir esperar a que o consuma o público. Aplicación da lei de mercado.

Tomar as armas? Imposíbel, e a mellor e única razón é que se perdería. As veces só resistir ao control da policía “vinculada a escala internacional e as ordes do supremo xendarme estadounidense”8. Disciplinamento, control e dominio coa escusa de loitar contra o terrorismo internacional. Este, claro, como sabemos, non pode ser derrotado. Logo, guerra infinita. A loita contra a fame e a pobreza ben pode esperar un chisco máis.

Como aínda emanciparse? Soñar coa liberación, cun mundo xusto máis alá das películas de Hollywood. Imaxinade, no noso mundo non estar alienados por un determinado modo de estruturar as relacións de produción e os mecanismos de poder. No resto do mundo que até houbera medicinas, pan e auga para todos. Imaxinade…

Pax americana: seguridade no marco da OTAN. Mercar. Coches e segundas residencias. Liberacións, incluso as sexuais. Pero. Disolución do sentido da existencia no globo mediático, informático, consumista. A sociedade que se sinte ameazada por todo aquel que non comparte o seu modelo de existencia: estilo de vida, gustos, preferencias e expectativas de carácter basicamente consumista. Mudalo. Operación psicolóxica. Cambio na xerarquía dos valores. Actuación axiolóxica que subverta o fetichismo. Antepoñer o económico, o exceso económico a calquera outro ámbito vital que dea sentido á existencia.

A sociedade de consumo para sosterse necesita da manipulación realizada polos medios de comunicación, xa que a información pode, de feito o fai, “circular moito máis rápido do que o fan as estruturas de poder e de disciplina social”9. Por que se pretende controlar e someter a internet? As medidas de seguridade tomadas como mecanismos de control e represión. Todos aqueles que ansían liberación, que buscan emancipación, compoñen, quizais inconscientemente, sen ter conciencia de clase e descoñecendo o seu sentido marxista, a nova masa social coa que poderiamos entender o nacemento dun novo proletariado.

Proletariado semellante ao que Negri denomina Multitudes pero sen o aura mítica que este lle asigna ao termo. Mera masa anárquica. Excluídos. Rexeitamento do sistema de propiedades existente inspirada nunha “desconfianza profunda nas institucións, na estatalidade”10.

Xermes dun novo totalitarismo vinculado á obsesión pola seguridade que domina a política occidental. Negación da promesa dunha vida “máis humana” que realizaba o liberalismo. Por que defender con armas un modelo onde a diferenza de riqueza é cada vez maior e no que, incluso no mundo desenvolvido, o desemprego e a carestía son cada vez maiores? Protexer valores occidentais a costa de reducir dereitos civís? Modelo de China. Perigo de China: cada vez máis adicada, seguindo o canon occidental, a consumir recursos e reproducir a xeira propia da sociedade de mercado. Violencia? Aumento das disciplinas?

Populismo? É posíbel, pero desenmascarando os presupostos sobre os que asenta a racionalidade económica, política e social derivadas, falida occidental. Ideais que subvertan orde: comunismo e anarquismo e toda forma de combate, se chame como se lle chame, que intente derrubar o modelo actual occidental. Subverter hábitos mentais. Subverter certo xeito de entender as esferas de decisión. Subverter as institucións sobre as que asenta a economía neoliberal. Simplemente intolerábel. Derrubar o principio inercial de reproducir un sistema herdado ordenado baixo os esquemas vellos, que quixeran pasar por fortes e perennes. Uns esquemas de propiedade, un modelo de familia, un determinado tipo de entender as relacións económicas. Como non hai verdades que trascendan a historia hai que procurar solucións. Como non se pode esperar que os problemas se arranxen sos, hai que reaccionar e vincularse cos modelos de loita contra as inxustizas e as distribucións interesadas de recursos, fontes de enerxía e reparto e poder. Amosar a fraxilidade das argumentacións, supostamente, verdadeiramente racionais, que intentan lexitimar a reprodución do sistema baseado na desigualdade e no desequilibrio. Advertir os perigos dos intentos naturalistas e obxectivistas por inducir á crenza de que as súas propostas son os modelos verídicos sobre os que edificar un modelo antropolóxico que deriva en conclusións ético-políticas. Así, é sinxelo que un especialista, apelando a unha verdade que só el coñece, tome decisións as costas da cidadanía que representa.

O racionalismo implícito nunha visión interesada e manipulada de que son os dereitos humanos: o suposto valor universal dos dereitos humanos. Como entender que a súa apelación xustifique a negativa á posta en práctica de certos avances en xenética, a negativa a todo tipo de control de poboación e, incluso, a xustificar impor pola forza das armas a democracia liberal? Os valores, os dereitos humanos, como chamada feita polo EIM (Estado Imperialista das Multinacionais).

O mito do desenvolvemento, do progreso. Non caer nel. Ser comunista porque se é un pensador debilista. Non garantir unha economía socialista sobre certa concepción “científica” da mesma, empuxando a garantir unha industrialización desaforada. Non caer no mito da produción como obxectivo. Da tenencia de cousas como sentido. Nihilismo filosófico que se alonxa da retórica política democrática do desenvolvemento.

(Aludir aos perdedores, aos esquecidos, recuperar as súas pegadas, e nese sentido manter aberta, aínda existente a súa inexistencia).

A cuestión da relación entre os “partidos” (institucións, parlamentos, mecanismos da democracia formal) e “movementos”. Cuestión non resolta e de difícil solución. “A única esperanza que nos queda de mudar a sociedade de poder na que, cada vez máis, estamos envoltos e que nos adormece é a “rebelión das masas”, que non se leva a cabo con vitorias electorais conseguidas en procesos formalmente democráticos”11. Pero a esquerda fala de revolución?

Como se pode falar de democracia nas nosas sociedades dominadas pola “teledependencia”? Non é sinxelo liberarse da imbecilidade. O dominio das esferas da comunicación como trazo definitorio das relacións de poder. Sistema de poder en mans dos posuidores dos medios financeiros necesarios para a propaganda electoral. Isto é unha democracia “normal”? é unha burla? Políticos e banqueiros, políticos e construtores, políticos e periodistas, políticos e maxistrados, economistas e políticos. Asimilación dos gustos, da moral, dos valores dos gabinetes financeiros. Un proxecto de sociedade alternativa a través de eleccións?

Como seguir confiando na democracia, nesta democracia?

Se máis seguridade e eficiencia necesitan menor garantía de liberdade e a liquidación da separación de poderes, cara a onde avanza o sistema? A democracia dexenerando en formas de autoritarismo? E por que seguir conservando determinados dereitos de propiedade? Se se quere atopar unha solución non basta co reformismo, non basta con que a esquerda se auto-convenza de que agora é “centro”. De que co “centro” se goberna. Se a esquerda se presenta ás eleccións ten que ter unha estratexia clara en caso de gobernar. Senón, gobernar para que?

Laicidade do Estado. Igualdade como punto de partida –e o dereito hereditario?-. Políticas de vivenda. Reforzo da escola pública. En xeral, políticas sociais. Pero como levalas a cabo se nos debemos axustar ao déficit esixido polo FMI? Cómo levalas a cabo se hai que respectar as argucias e artimañas dun sistema financeiro rapaz que busca o beneficio particular a costa do común?

A política. Os políticos como empregados, asalariados dun partido, dunha forza de dirección adicada a repartir postos de traballo. Política de interese, caciquil. Desideoloxizada. Sen unha mínima decencia ética máis alá do aproveitamento persoal e dos achegados unha vez alcanzado o poder. Electores afastados, escépticos, así mesmo desideoloxizados, reticentes a toda forma de compromiso con algún ideal ético que os afaste das únicas perspectivas de sentidificación das súas existencias: posesión, consumismo, sociedade do ocio. Ningún horizonte de transformación: “corrupción xeral do espírito público”12. Esperar, entón, a que o mercado nos salve?

Fracaso do capitalismo. Fracaso da economía de mercado. Fracaso da política da publicidade. Fracaso do estado de benestar. Recuperar o espírito do comunismo ideal. O que aspira a unha sociedade libre de certas relacións de poder determinadas por certas estruturas de propiedade. Repensar o comunismo como modo de organizar unha sociedade xusta. E unha sociedade xusta “non pode pensarse como unha sociedade perfecta e acabada que exclúe calquera transformación posterior (…) unha sociedade xusta non é unha sociedade perfecta, senón máis ben ao contrario; é unha sociedade na que os conflitos xestiónanse como opinións diversas sobre que camiños deben tomarse; na que todos os intereses son esencialmente iguais, e na que, como factor decisivo, non só prevalece a diferenza de clase, de riqueza ou de poder relacionado coa propiedade”13. Non é que haxa que substituír o sistema produtivo por outro que competindo con el se amose máis rendible. Non se trata de reorganizar a produción para maximizar a súa eficiencia. Débense separar claramente os límites entre vida xusta e igualitaria dos criterios de rendibilidade económica. Un comunismo libertario debe pór límites ao mito do progreso, do consumo ilimitado. E non só por cuestións de distribución de capital, senón tamén pola conciencia da sobre-explotación dos recursos da Terra.

A produtividade do sistema económico ben diferenciado da calidade da vida humana. Rexeitamento ao economicismo. Mentres pensamos en consumir, en ter, en posuír tornámonos idiotas inconscientes incapaces de observar o aniquilamento do noso entorno.

É que os beneficios do capitalismo acabarán por estenderse tamén o terceiro mundo?

Toda novidade –todas as científicas- sometidas a leis de propiedade. Medicamentos para o común? Por que existe un sistema pechado de patentes e de propiedade intelectual do software que podería permitir unha posta en común do saber?

O turbocapitalismo. Situación na cal só importa o aumento de valor de determinados paquetes de accións propiedade dos múltiples axentes de mercado. Para os outros desenvólvese e aplícase unha produción de subxectividades que promove o espírito pequenoburgués –lembremos as críticas xa nietzscheanas a tal especímen derivado de certa concepción da natureza humana14-, para o cal os valores máis relevantes son o benestar, a tranquilidade, o confort, e sobre todo, a seguridade. Neste sentido, que é o primeiro que hai que mudar para instaurar un orden político de esquerdas? Acaso primeiro realizar unha transvaloración dos valores? Unha revolución neste senso?

Novamente, quizais unha aproximación preto do populismo: pero é que o principal non é facer un proxecto de alcance común? Comprometerse con certa experiencia do colectivo alonxando criterios económicos e sociais tan facilmente baseadas na exclusión?

É que precisamente non está na base unha formulación ética de valores que xustifiquen a lexitimidade de certa concepción comunista como xeito máis razoábel de organización social?

Concepción forte, entón, da ética? Xustiza, igualdade, liberdade, equidade,…outra vez? A única e fundamental diferenza é que tales valores xa non posúen unha carga normativa de referencia significativa de trazos absolutos e esencialistas, senón que están abertos a reformulación, a continua constitución participada por todos e para todos os que desexen formar parte, precisamente, da súa construción como tarefa nunca acabada. Non funcionando como categorías absolutas perden toda referencia normativa e impositiva implícita, para necesitar unha aproximación construtiva, retoricamente provisional, proxectada dende un presente vinculado de xeito verwindung ao pasado. Tal tarefa, proxecto, actividade ética-política non ten final delimitado, non ten un horizonte de realización concretábel, e nese sentido é unha tarefa nunca acabada, non pertinente de ser esgotada por ningunha formulación definitiva e final.

Por esa vía posibilidade de saída da sociedade do control. Nese sentido posibilidade da emancipación tomada como valor feble. Como valor orientativo de loita contra a sociedade de disciplina que se está aínda conformando na nosa, sociedade tecnoloxizada e dixital das posibilidades de vixilancia continuas.

A base da apertura da posibilidade dunha sociedade comunista dende a deslexitimación de toda forma de aproximación a realidade e o coñecemento que impoña disciplina. Toda forma de obxectividade. De ciencia certa e fidedigna. Recuperar o sentido da crítica da ciencia –tanto económica como política como “natural”- como mecanismo de emancipación. “Amósase unha tese que pódese resumir brutalmente así: o comunismo libertario non se da sen o nihilismo e o rexeitamento da metafísica” e “se “non hai feitos, só interpretacións; e tamén isto é unha interpretación”, fundamentaremos o comunismo libertario sobre unha concepción hermenéutica da sociedade; dunha sociedade para a cal o conflito de interpretacións é un modo de funcionamento normal, que precisamente debe consistir na loita de interpretacións diversas, que se presenten como tales”15. É pois que tamén o ideal comunista é unha interpretación. Se consideramos os dereitos humanos como universais obxectivos perden a súa potencialidade emancipatoria e se converten en instrumentos de opresión. Temos exemplos. A sociedade comunista se amosa como a máis desexábel baixo os supostos sinalados, o problema seguen sendo como conseguila. Xa se avanzou algunha idea. Vaga, imprecisa, efémera.

Constatación do fracaso do capitalismo –no plano económico- e da democracia liberal que os sustenta –no plano político-. Dificultade da inminencia da súa substitución. E, porén, a procura dunha alternativa segue sendo dos proxectos máis estimulantes cos que aínda comprometerse. Ideal do comunismo, empresa de realización colectiva.

 

1 VATTIMO, G.: Ecce comu. Come si ri-diventa ció che si era. Roma, Fazi, 2007. A partir de agora EC. Existe tradución ao castelán feita por R. R. Gatell e C. Castells Auleda en Paidós, Barcelona, 2009.

 

2 Víd. por exemplo en MORA, F.: Cómo funciona el cerebro. Madrid, Alianza, 2005, ou GOLDBERG, E.: El cerebro ejecutivo. Barcelona, Crítica, 2003.

3 As traducións están feitas polo autor. EC. “O comunismo recuperado”.

4 Ibíd.

5 Ibíd.

6 EC: “Falar sobre as árbores”.

7 Ibíd.

8 EC: “Catocomunismo”.

9 EC: “As boas razón do vello Marx”.

10 EC: “ Novo proletariado?”

11 EC: “A esquerda italiana e a democracia italiana”.

12 EC: “O reformismo e o final da política”.

13 EC: “O fantasma marxista”.

14 Por exemplo en NIETZSCHE, F.: Alén do ben e do mal (Más allá del bien y del mal, trad. de Andrés Sánchez Pascual, Madrid, Alianza, 1984), ou en Fragmentos póstumos sobre política, edición e tradución de J.E. Esteban Enguita, Madrid, Trotta, 2004.

15 EC, “Comunismo e interpretación”.

 

Comments
Add New Search RSS
guerra, escola, cinismo
man_hauser ii 03-03-2010

Isto me parece fundamental: "Dominio: control sobre medios de comunicación (publicidade),
derruír a escola pública. Cuestións: “como se poden aumentar os gastos na formación e ensino:
escola, universidade, investigación, se todos os vínculos dun estado, xa sexan europeos (pacto de
Maastricht) ou de competencia internacional (as “leis” do mercado) o obrigan a unha política de
redución do gasto público e de calquera tipo de benestar?”6 Por que o gasto militar? Que
interese tralas guerras? A guerra é a paz? Parece que non se poden esperar moitos cambios na
política". Tamén o último: o comunismo como empresa colectiva. Por dicilo dalgún modo: que
vínculos hai rotos entre o saber e o poder? Que vínculos que se poidan retomar? A premisa de
Foucault segundo a cal as escolas non é que se parezan ás cárceres, senón que son iguais!!
seguen o mesmo método de disciplinamento aporta aquí tamén outra cota, a seguir pensando. Do
mesmo modo: o afán pola seguridade, a industrialización da guerra, o bloqueo da(s) máquina(s)
nómade de guerra substituindo o seu potencial por unha soa máquina de guerra Estado: non apunta
tamén a esa ruptura, escisión, bloqueo entre o saber e o poder? Se desvincula o saber do seu poder
"belixerante", da súa vertente transformadora, non meramente académica, enciclopédica...
senón esas experiencias de exposición ao afora nas que saber, aprender, esixen necesariamente que
cada un entrege a súa integridade psico-física a un proceso descoñecido, de non-dominio sobre si
mesmo. Os saberes que coñecen o seu ámbito, incluso aqueles que aparentemente figuran improvisar,
transitar o ignoto, aqueles que parecen quebrarse a si mesmos as súas regras, non fan senón,
permanecer, subverticiamente nun mesmo territorio. Aínda non profundizamos o suficiente no elemento
transformador da pedagoxía, da educación.Isto ten que ver cunha educación que involucre e
transforme as formas de vida. Sen tal, sen unha incrementación do poder, da enerxía, do risco, do
carácter de supervivencia, que se manifeste de feito nas formas de vida a través da educación
(dunha nova educación nun sentido amplo e holístico) non facemos nada. E por suposto, este sentido
holístico, non pode deixar ao marxe o seu aspecto "económico" en certo sentido.
Posibilitar dende aí n proxecto de empresa colectiva, unha fórmula empresarial cooperativa,
desaxenciada do beneficio ao pequeno inversor burgués, unha economía que redunde directamente e
horizontalmente nunha comunidade, que se desprenda polos seus marxes, que opere non-liñalmente, por
interrupciòns e saltos de intensidade, que se rexenere da nada, a través da innovación, sobre si
mesma, que manteña zonas e espazos en stand-by, como desertos en nutrición, e por iso mesmo, que
controle os seus desertos, que os coñeza, que os manteña sempre á vista. Unha comunidade para a
que nos estamos preparando... ou?
educación
ekis1331 18-03-2010

Entusiasmante manifesto; unha aséptica e esclarecedora vivisección desta insaciable besta que é a
"sociedade de consumo", pola que hai tempo xa fomos nós mesmos consumidos, ensumíndonos en
mera flora intestinal senon en excremento.
Pero... cómo tornar esta antinatural (por completamente
desequilibrada e perversa) dinámica socio-económica? Cómo tomar pulos, cando na súa propia e
autoinfrinxida descomposición atopa a rexeneración? Cómo se explica que a pesar de que as
estructuras neo-liberais de mercado, sendo de seu culpables do seu propio colapso, sexan as mesmas
que acadan éxitos electorais aquí e acolá? Si se explica claro, isto é, en base a unha masiva e
invasiva mediatización da vida pública que acada un alcance de niveles neurolóxicos... si,
neurolóxicos... non esaxero nadiña.
Entón?
Cómo rexenerar unha conciencia colectiva que acolla
a posibilidade da gran subversión? De qué maneira, cando ela mesma é "target" primario a
nivel individual a través da maior e máis metódica das deconstruccións?
De qué maneira causar
o "estado de shock" necesario para o replantexamento sen chegar ó resultado
contraproducente ou sen quedar na mera anécdota? Por dónde coarse?
cómplice
ekis1331 18-03-2010

Tipos coma este axudan:
http://www.youtube.com/watch?v=7QXqCtBXOrQ
Write comment
Name:
Email:
 
Title:
Please input the anti-spam code that you can read in the image.

3.26 Copyright (C) 2008 Compojoom.com / Copyright (C) 2007 Alain Georgette / Copyright (C) 2006 Frantisek Hliva. All rights reserved."

 

Últimos Comentarios

Monografías

Materiais e ferramentas Procomún.
Banner

Escrita(s)

Destacamos

@proxectoderriba



Creative Commons License